23/11/13

O RÍO DA CORUÑA CHÁMASE MONELOS

O RÍO QUE LATEXA BAIXO OS NOSOS PÉS

Tódalas grandes cidades teñen río. París ten ó río Sena, Londres ó Támesis, Viena o Danubio, Alexandría o río Nilo; a cidade de A Coruña tamén ten un grande río chamado Monelos.
Non ten a lonxitude do Nilo (o río máis longo do mundo) nin a caudalosidade do Amazonas pero é o río máis importante que temos a pesar da ignorancia e o maltrato padecido.


Trátase dun río que está na súa maioría de percorrido mergullado por debaixo das nosas avenidas e rúas e transformado nunha verdadeira Cloaca Máxima como na Roma antiga. O río Monelos (que se chama Mesoiro) canda atravesa o noso barrio e que pasa a poucos metros do instituto, non ten os caimáns dos ríos ecuatoriais pero si unha gran variedade de fauna bañándose nas súas augas turbas por onde navegan veleiros de ferralla e nubes de deterxente.


Dende os outeiros de Feáns ó Areal de San Diego, o río Monelos está hoxe tristemente esquecido, canalizado, sepultado. A súa canle regaba as leiras vizosas de Elviña, San Cristovo das Viñas, Monelos e a Gaiteira. Del bebían as Cernadas, a Camposa, a Horta Grande, O Carracedo, as Mariñas Douradas.
Co paso do tempo, o río foise convertendo no sumidoiro onde ían parar tódalas augas escuras.
O seu traxecto é pequeno, máis intenso, varios brazos importantes enchen o seu caudal. O principal nace un chisco máis arriba do lugar da Castiñeira, rega o val de Feáns e tira cara Mesoiro.
Para salvar o desnivel, formaba unha fervenza que servía para mover as rodas dun batán ou martinete que lle deu nome ó lugar; este tramo de río foi recentemente entubado e fervenza da Coruña desapareceu sen que puidésemos facerlle unha despedida.
Tras estes antigos rápidos, o río volve agromar á superficie (despois de atravesar por embaixo o polígono de Pocomaco). Segue por Someso e a Cabana ata a Ponte de Pedra, onde se axunta cos outros brazos de auga que enchen o seu caudal.
Outro rego nace en Pastoriza, baixa por onda Meicende, a Grela, o Bosque, chega ata San Cristovo das Viñas e desauga no principal nas Laxes de Orro.
Na Fontenova principia outro regato, pasa polas Torres Velas e desemboca no anterior á altura do Bosque.
Da parte de Elviña, dende os rueiros do Souto e do Escorial tamén baixa un afluente importante. E outro máis vén dende Eirís de Abaixo, cruza as Cernandas ata a Ponde de Pedra. Na actualidade, a partir da Ponte de Pedra, o río desaparece definitivamente convertido en sumidoiro. Xusto aquí o río do recordo entraba na Granxa Agrícola. O noso río servía de fronteira, dende aquí ata a súa desembocadura, entre o concello da Coruña e o antigo concello de Oza.
Tiña sona de regato, mais o seu caudal era quen de mover os rodicios dos muíños de Reboredo e da Trigá.
Tras dos muíños, tirando cara á Gaiteira, tamén tiña a súa particular conca do Rhur, comporta pola fundición de “Solórzano” os depósitos da Campsa e a antiga estación do ferrocarril.
Antes do encontro final coa inmensidade oceánica no Areal de San Diego, o río Monelos, na súa vellez, vivía unha experiencia mística e transcendente na Horta das Monxas, entre canas de bambú.
Xa que na cidade non hai sitio para el, que ninguén nos roube a súa memoria.